17.5 C
Santa Comba
viernes, julio 18, 2025

Pepe Formoso: “Temos un bo xeodestino turístico, pero fan falta máis recursos”

A promoción turística da Costa da Morte foi o tema central da entrevista con Pepe Formoso, presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas. Durante a conversa, destacou o potencial do territorio, a evolución dos visitantes e a necesidade de aumentar os recursos para reforzar a promoción do Xeodestino Costa da Morte.

Optimismo pola tempada e o clima favorable

Pepe Formoso amosouse esperanzado ante o comportamento da tempada de verán: “As expectativas que están depositadas logo de ver o mes de xuño fainos pensar que pode ser un bo verán”. Engadiu que a temperatura está respectándonos e permitindo que fagamos vida, algo que non ocorre noutros lugares da xeografía española.»

Perfil dos visitantes e atractivo do Camiño de Santiago

Sobre o perfil do turista, indicou que “cada vez veñen máis” e que “o Camiño de Santiago e o Camiño dos Faros” son claves para atraer a visitantes internacionais. “A xente que continúa cara a Fisterra e Muxía é en maior medida estranxeira”, explicou.
Tamén apuntou que Galicia está funcionando como “refuxio climático”, especialmente para xente do sur de España.

Hospitalidade local, natureza e desestacionalización

O presidente da APTCM destacou a importancia da hospitalidade local: “Temos un servizo cara a cara, persoal, que ao final enriquece a experiencia”.Subliñou que o visitante busca natureza, gastronomía e patrimonio, tres elementos que están presentes todo o ano: “Temos natureza, gastronomía e patrimonio durante os doce meses do ano”.

A necesidade de superar a estacionalidade tamén ocupou parte da conversa. “Temos que poñer en valor o noso produto na tempada que corresponde”, afirmou, poñendo como exemplo os mariscos nos meses con ‘R’: “Se este marisco pareceu bo, nos meses con ‘R’ estaría excepcional”.

Profesionalización, colaboración institucional e retos económicos

Formoso explicou que o traballo da asociación pasa pola profesionalización e pola unión do sector: “Temos que ter un sector totalmente unido” e “desde a directiva tivemos claro a necesidade de contar cun equipo técnico que nos xestione e nos ordene”.

Tamén falou da colaboración institucional: “Estamos moi agradecidos pola boa relación coa Deputación da Coruña, Turismo de Galicia, Consellería do Mar e Consellería do Medio Rural”.

Con todo, recoñeceu que os recursos económicos seguen a ser escasos: “O presuposto de aportación dos 17 concellos e dos empresarios son 45.000 euros en total”, e dixo que sería necesario actualizar os baremos, xa que “probablemente multiplicamos por tres o número de camas desde 2016”.

Ao final da entrevista, insistiu en que o destino está preparado para ofrecer experiencias todo o ano: “Os outonos, primaveras e invernos da Costa da Morte son marabillosos”, e que sería clave conseguir que os visitantes regresen fóra do verán: “Cada cliente que chega marcha con gañas de voltar”.

Como metáfora final, puxo un exemplo gráfico: “Sabes a diferenza entre un rodaballo e unha galiña? : o rodaballo pon nove millóns de ovos e non se entera ninguén. Unha galiña pon un ovo e entérase todo o mundo. Desafortunadamente, somos máis rodaballo que galiña”.
Divulgar a Costa da Morte, dar a coñecer toda a súa riqueza e un dos grandes retos de APTCM.

Escoita a entrevista a Pepe Formoso desde o minuto 30

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!



Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,190SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos