O BNG de Santa Comba vén de presentar unha iniciativa no rexistro municipal solicitando que o Concello active medidas de protección animal, despois de que a Asociación Abeiro denunciase un caso de presunto maltrato a unha cadela en instalacións públicas. A formación nacionalista reclama que se cumpran as obrigas legais nesta materia e que se habiliten recursos para garantir o benestar dos animais no termo municipal.
Segundo o BNG, a denuncia da asociación Abeiro fai referencia a unha situación de abandono que tería durado doce días, durante os cales unha cadela permaneceu pechada en condicións pouco axeitadas, sen atención veterinaria e nun espazo que, segundo a entidade denunciante, non reunía os mínimos de salubridade. A asociación achegou documentación gráfica e escrita para apoiar a súa denuncia.
O portavoz local do BNG, Juan David Sixto, manifestou que “esta situación pon en cuestión a resposta do goberno municipal” e defende que “Santa Comba debe ser un concello que cumpra coa lexislación vixente en materia de protección animal”.
Preguntas desde o BNG
A través do rexistro dunha batería de preguntas, o grupo nacionalista solicita explicacións sobre o protocolo seguido na recollida do animal e as condicións nas que permaneceu mentres estivo baixo custodia municipal. Tamén propoñen que se impulsen campañas contra o abandono, a favor da adopción e da protección animal, así como que se destinen medios específicos ao coidado das colonias felinas.
Desde o BNG denuncian que o goberno local non puxo en marcha, ata o momento, mecanismos nin partidas orzamentarias orientadas a este fin, malia ser unha competencia que, lembran, corresponde á administración local. “O Concello debe aplicar os protocolos establecidos e garantir que casos como este non se repitan”, indicou Sixto.
A formación nacionalista insiste en que non se trata dun caso illado, senón dun síntoma dunha “deixación de funcións” que cómpre corrixir coa maior brevidade posible. Por iso, urxen ao executivo municipal a revisar a lexislación, aplicar os procedementos correspondentes e dotar de recursos as políticas de benestar animal

