O BNG pide á Xunta un novo sistema de quendas nas gardas farmacéuticas de Fisterra e Soneira
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Óscar Insua, presentou varias iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta realice as xestións necesarias co Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña co obxectivo de revisar o sistema de gardas farmacéuticas nas comarcas de Fisterra e Soneira.
Desde o BNG explican que, segundo a normativa, as farmacias que entran nas quendas deben estar situadas a menos de 15 quilómetros ou 15 minutos do Punto de Atención Continuada (PAC) da súa área. Porén, denuncian que esta organización está a provocar longos desprazamentos a usuarios, sobre todo en zonas como Muxía, Fisterra ou Zas, onde algunhas farmacias non están obrigadas a gardas pero outras si, mesmo estando no límite de distancia.
Insua puxo como exemplo o caso dunha persoa de Muxía que ten que acudir ao PAC de Cee e logo desprazarse á farmacia do Pindo para obter a medicación, o que supón ata 30 quilómetros de desprazamento. A situación complícase máis cando a persoa non dispón de vehículo propio.
O BNG sinala que recibiron numerosas queixas da veciñanza e que mesmo no vindeiro pleno do Concello de Cee se debaterá unha moción ao respecto. A formación nacionalista considera que as farmacias situadas nos núcleos urbanos onde están os PAC deberían asumir as gardas, ou que se propoña unha alternativa que mellore o actual sistema.