A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia emitiu unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable, aínda que condicionada, para a instalación dunha planta de valorización de residuos de construción e demolición no concello de Mazaricos, promovida pola empresa Excavaciones Yoni Tuñas SL.
A resolución, elaborada no marco dunha avaliación de impacto ambiental ordinaria, conclúe que o proxecto é ambientalmente viable, sempre que se cumpran os requisitos establecidos tanto no estudo de impacto ambiental e documentación técnica presentada, como nos condicionantes específicos e no programa de vixilancia ambiental recollidos na propia DIA.
Durante o procedemento de avaliación, a documentación foi sometida a participación pública sen recibir alegacións, e foi analizada por seis organismos consultados. Estes emitiron informes favorables, aínda que estableceron medidas preventivas e correctoras en ámbitos como a protección atmosférica, a saúde pública, a calidade das augas, a xestión de residuos e a conservación da biodiversidade.
En As Maroñas
A planta situarase nunha parcela da parroquia das Maroñas e, segundo o estudo presentado, contará cunha lousa de formigón de 180 m². A actividade consistirá na valorización de residuos non perigosos mediante unha planta móbil (machacadora), tanto no propio lugar das obras como na instalación obxecto da avaliación, onde os materiais tamén serán almacenados para a súa reutilización.
A DIA non exime ao promotor da obtención das autorizacións e permisos legalmente requiridos. A resolución será remitida ao órgano substantivo e publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería.
Canteira da Mina
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade fixo pública o 27 de maio de 2025 a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de ampliación da superficie da autorización de aproveitamento de recursos da sección A) Costa do Cuzo nº 129, no concello de Santa Comba (A Coruña), promovido por Canteira da Mina, S.L. A resolución pode consultarse na web da Consellería ou nas súas oficinas en Santiago de Compostela.