Os deputados do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Roberto Rodríguez e Paula Mouzo Mas, visitaron a asociación Mar de Fábula en Camelle -Camariñas coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Océanos.
Durante a visita, destacaron o traballo desta entidade sen ánimo de lucro, centrada na recollida de lixo mariño que chega ás praias e portos da zona, así como na concienciación cidadá sobre a protección do medio mariño.
No encontro, Roberto Rodríguez e Paula Mouzo salientaron a importancia deste tipo de iniciativas no contexto dun territorio como Galicia, que conta con preto de 1.500 quilómetros de costa.
Nese sentido, fixeron referencia á futura asunción por parte da Xunta de Galicia das competencias de xestión do seu litoral, prevista para o 1 de xullo. Segundo explicaron, este traspaso será asumido “con ilusión e responsabilidade”, e cualificárono como “un fito histórico” pola relevancia económica, ambiental e cultural que representa a costa galega.
Ademais, indicaron que a Xunta convocará unha reunión con todos os concellos costeiros galegos co obxectivo de avanzar na elaboración dun Pacto Galego polo Litoral. Este acordo servirá como marco de referencia para o deseño das políticas públicas que garantan unha xestión sostible, produtiva e coordinada do litoral entre administracións.