O Concello de Zas e a Fundación Brandomil poñen en marcha unha nova edición do programa de visitas guiadas de verán ao patrimonio histórico e arqueolóxico de Brandomil. Esta iniciativa, xa consolidada no calendario cultural e turístico do municipio, busca achegar ao público a riqueza desta contorna.
Como principal novidade, increméntase a frecuencia das visitas, que este ano se realizarán os luns, mércores e venres ás 12:00 horas, fronte ao único día ofertado en edicións anteriores. As visitas desenvolveranse entre o 15 de xuño e o 31 de agosto e son gratuítas, aínda que é necesaria inscrición previa a través do formulario https://bit.ly/visitasbrandomil25 ou chamando ao 981 71 80 56. Tamén se poden concertar visitas para grupos fóra dos días establecidos.
Este programa reforza o compromiso coa divulgación e posta en valor do patrimonio de Brandomil, ao tempo que contribúe a dinamizar a vida cultural e turística do concello.