O IES Terras do Xallas implantará no curso 2025-2026 un novo ciclo de FP Dual en Electromecánica de Maquinaria
O municipio xalleiro logra unha formación cunha altísima demanda laboral e que só se oferta en contados centros de Galicia.
Grazas á colaboración institucional entre o centro educativo, o Concello e a Asociación de Empresarios O IES Terras do Xallas de Santa Comba ofrecerá a partir do curso escolar 2025-2026 un novo ciclo medio de Formación Profesional Dual en Electromecánica de Maquinaria, unha especialidade cunha alta demanda no mercado laboral e que actualmente só se imparte en moi poucos centros de Galicia, como o CIFP As Mercedes (Lugo), o CIFP Porta da Auga (Ribadeo) e o IES García Barbón (Verín).
A consecución deste ciclo é o resultado dun intenso traballo conxunto ao longo de máis dun ano e medio entre o equipo directivo do IES Terras do Xallas, a Asociación de Empresarios de Santa Comba, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia e o propio Concello.
As primeiras reunións para impulsar esta nova formación tiveron lugar hai ano e medio, cando o presidente dos empresarios xalleiros, Diego Vilas Boga, a concelleira de Cultura, Deportes e Educación, Patricia Val Antelo, e os representantes do centro educativo, Paloma Fernández García-Borregón (directora) e Xabier Ferro Pascual (xefe de estudos de adultos), comezaron a valorar a necesidade de ampliar a oferta formativa con perfís técnicos moi demandados polo tecido empresarial local.
A aposta pola Electromecánica de Maquinaria consolidouse grazas ao aval de máis de 20 empresas do municipio que se comprometeron a acoller ao alumnado durante o seu período de prácticas.
Estes apoios foron formalmente presentados polo alcalde, Alberto Romar, o pasado 16 de maio de 2024 nunha reunión coa directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Fernández.

Este novo ciclo de FP Dual contará con 22 prazas, permitindo ao alumnado acceder a prácticas remuneradas nas empresas colaboradoras xa dende os primeiros meses de formación, o que supón unha vantaxe competitiva clave para a súa futura inserción laboral.
Trátase dunha formación estratéxica para reforzar a conexión entre a educación e as necesidades reais do tecido produtivo da zona, que se suma á oferta xa existente de dous ciclos básicos, un de Cociña e Restauración e outro de Mantemento de vehículos, un ciclo medio de Xestión Administrativa e un superior de Administración e finanzas, que conseguen unha inserción laboral de máis do 90% do alumnado.
Dende o Concello e a Asociación de Empresarios, así como dende a dirección do IES Terras do Xallas, celébrase este importante logro colectivo, que supón un fito histórico para a vila e para as posibilidades formativas e laborais da mocidade de Santa Comba e da contorna.
A colaboración institucional e empresarial, así como o compromiso do equipo directivo do centro e do empresariado local, foron claves para facer realidade unha demanda formativa que vén reforzar o futuro económico da comarca.
FONTE- Nota de prensa do concello de Santa Comba

