O BNG reclama que se desbloquee definitivamente o proxecto da autovía AG-55 entre Salto e Berdoias e que se inicien as obras antes de que remate o mes de xuño. O deputado nacionalista Oscar Insua considera que se trata dun compromiso histórico pendente coa Costa da Morte e critica os sucesivos atrasos por parte da Xunta de Galicia.
En comisión parlamentaria, Insua denunciou que levan vinte anos de promesas incumpridas e que a veciñanza da comarca é vítima dun “engano sistemático” elección tras elección. Segundo o deputado, a Xunta ten recortado o trazado da infraestrutura e reducido o investimento previsto inicialmente, o que dificulta o desenvolvemento económico e demográfico da zona.
O BNG defende unha autovía “con dous carrís por sentido” e non un simple corredor. Ademais, compara os datos de tráfico entre Cee e Berdoias cos doutras zonas que si recibiron financiamento para completar as súas autovías, como o caso recente entre Pontevea e Baloira, cun investimento aprobado de 31 millóns de euros.
Segundo Oscar Insua, a situación actual supón un “abandono institucional” da Costa da Morte. Lembra que o tramo entre Salto e a AC-432 nin sequera conta co proxecto aprobado definitivamente, e as alegacións presentadas hai cinco anos foron respondidas recentemente, sen que a obra figure aínda na plataforma de contratación da Xunta.
Por todo isto, o BNG pediu no Parlamento que se aprobe de forma definitiva o proxecto e se liciten as obras antes de que remate o primeiro semestre do ano.
Emenda do PP
A proposta foi rexeitada co voto en contra do Partido Popular, que presentou unha emenda que propoñía o seguinte acordo “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a realizar o antes posible os trámites necesarios para aprobar definitivamente o proxecto da primeira fase prolongación da AG-55”. Foi defendida polo deputado Roberto Rodríguez.
