A deputada estatal do Partido Popular Marta González denunciou en Radio Xallas a precariedade de medios humanos e materiais na loita contra o narcotráfico na Costa da Morte.
Durante unha entrevista no espazo Na Encrucillada, lamentou que o Goberno central non tome medidas eficaces para reforzar a seguridade nunha zona que, segundo advertiu, se ten convertido nun dos obxectivos preferentes das redes do narcotráfico desde a pandemia.
Unha visita a Camariñas
González explicou que a iniciativa presentada polo seu grupo no Congreso foi resultado dunha visita a Camariñas en febreiro, despois do achado dun narcosubmarino na ría. Alí, xunto con Ana Vázquez e coa parlamentaria autonómica Paula Mouzo Mas, recolleron inquedanzas veciñais e , posteriormente, demandas dos sindicatos policiais para elaborar unha proposta dirixida a reforzar a presenza da Garda Civil.
“Demandamos máis medios, máis efectivos humanos, máis tecnoloxía para ser máis eficaces cas descargas de cocaína na comarca”, resumiu.A proposta do PP foi aprobada na Comisión de Interior, pero contou co voto en contra do PSOE e de Sumar. González mostrou a súa sorpresa pola negativa dos grupos que apoian ao Executivo:
“Sorprendeunos moitísimo. Aínda que non quixeran atendela na súa totalidade, podían terse abstido. Pero votaron en contra”.
Segundo a deputada popular, nin sequera houbo un xesto de preocupación por parte da representante socialista: “Non tivo ningunha frase que mostrara a súa preocupación polo que está pasando”.
A parlamentaria popular subliñou que o problema non é novo nin descoñecido: “A Asociación Unificada de Guardias Civís vén reclamando a ampliación do persoal porque a preocupación é que isto vaia a máis”.

Criticou ademais que as promesas do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, non se materialicen: “Dixo que estaban avaliando establecer unha base de vixilancia na comarca, pero non vimos absolutamente nada disto”.
Marta González defendeu que esta é unha cuestión de vontade política máis que de recursos: “Non se pode dicir que este goberno teña problemas económicos.
«Din que o país vai como un cohete, pois sería o momento de utilizar os cartos correctamente”. Nese sentido, apuntou que a falta de seguridade “non favorece o mantemento da poboación no rural” e que a ausencia de medidas contribúe a incrementar a delincuencia derivada do consumo local de drogas.
A proposta do PP incluía a creación de postos principais da Garda Civil en Vimianzo e Corcubión, así como a mellora dos medios tecnolóxicos e das embarcacións. “Sabemos que non hai radares, que as embarcacións son antigas e non hai suficientes. No verán, os efectivos dedícanse á seguridade ordinaria dos concellos turísticos e desaténdese a loita contra o narcotráfico”, alertou.
A deputada rematou sinalando que o reforzo da vixilancia tería tamén un efecto disuasorio: “Os clans da droga teñen moitos medios, pero calquera aumento da vixilancia podería actuar como freo. Por iso insistimos en que a comarca necesita atención específica”.

