O Consello da Xunta autorizou un investimento de 278.000 euros para unha senda peonil no concello de Ponteceso e 260.000 euros para a reforma do Centro de Saúde de Cee.
A Xunta de Galicia e o Concello de Ponteceso colaborarán na execución dunha nova senda peonil na parroquia de Pazos, cun investimento conxunto próximo aos 400.000 euros. O Goberno galego asumirá o 70% do orzamento —máis de 278.000 €—, mentres que o Concello aportará os case 120.000 € restantes.
O proxecto contempla a construción da senda na márxe esquerda da estrada AC-419, entre os puntos quilométricos 2+990 e 3+350, así como a creación dunha zona de aparcamento, dous pasos de peóns e un reforzo da sinalización, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e dar continuidade ao itinerario peonil existente.
As obras, que se licitarán nas vindeiras semanas, poderían comezar en setembro deste ano e estarían finalizadas a principios de 2026.
Esta actuación inscríbese no marco do Plan Hurbe, un programa da Xunta que busca dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida da cidadanía mediante a mellora dos espazos urbanos, a accesibilidade e os equipamentos públicos.
A XUNTA INVESTIRÁ PRETO DE 260.000 € NA REFORMA DO CENTRO DE SAÚDE DE CEE
O Goberno galego destinará case 260.000 euros á reforma do centro de saúde de Cee, de titularidade municipal, nun proxecto que suporá un investimento total superior aos 320.000 euros.
A actuación será posible grazas a un convenio entre a Consellería de Sanidade, a través do Sergas, e o Concello de Cee, e terá como obxectivo principal a rehabilitación da envolvente do edificio, mellorando a súa eficiencia enerxética e a impermeabilización de diversos elementos estruturais.
As obras incluirán:
• Substitución das ventás de aluminio, para un mellor control térmico.
• Renovación das portas exteriores, mellorando a accesibilidade ao centro e ao PAC.
• Actuacións nas fachadas, para mellorar o illamento.
• Impermeabilización e pavimentación do patio interior.
• Renovación da instalación de pluviais.
Esta intervención culmina as melloras previstas no centro de saúde, tras a renovación da caldeira levada a cabo en 2024, cun investimento de máis de 60.000 €.
O Concello será o encargado da redacción do proxecto, contratación e execución das obras, mentres que a Xunta, a través do Sergas, garantirá a coordinación asistencial para manter o servizo á veciñanza durante os traballos.

