O Concello de Zas celebrou un acto institucional para conmemorar os 100 anos do falecemento do escritor Enrique Labarta Pose, natural de Baio. A homenaxe tivo lugar na Praza Jorge Mira Pérez e contou coa participación duns 200 alumnos e alumnas dos centros educativos do municipio, representantes da Corporación Municipal, membros da Comisión Labarta, da Real Academia Galega, do Museo do Pobo Galego e outras entidades culturais.
O evento incluíu a descuberta dun monumento na súa honra, obra do escultor Marcos López, así como un soterramento simbólico de parte da súa obra e unha ofrenda floral con craveis brancos. A lectura do seu coñecido poema “Que me enterren aló!” correu a cargo dunha alumna do CEIP Labarta Pose.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, abriu o acto lembrando que “a pegada de Labarta Pose non só se queda no Concello de Zas, senón que abrangue a toda a Costa da Morte”. Pechou o acto destacando que “desde hoxe xace na Praza Jorge Mira un dos homes bos e xenerosos”, en alusión ao monumento que simboliza o cumprimento do desexo do autor de descansar na súa vila natal.
Manuel González, membro numerario da Real Academia Galega, cualificou a Labarta como “un extraordinario poeta que defendeu xa na súa época ás mulleres, a nosa fala, entre outros moitos temas”. Tamén interviñeron Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego; e María Dolores Sánchez Palomino, da Real Academia Galega, quen coincidiron en salientar o legado cultural do autor.