O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, destacou que, a pesar das distintas visións “e das distinas fórmulas” sobre a xestión da futura residencia no Pino de Val, existe un consenso xeralizado entre os grupos políticos sobre a necesidade de que o proxecto saia adiante. Subliñou a importancia deste acordo para o benestar dos maiores da comarca e valorou a colaboración de todos os grupos.
«Bomba residencial» para o PP
O Partido Popular, a través do seu portavoz José Manuel Caamaño, manifestou a súa oposición á proposta de pregos do BNG que cualificou de «bomba residencial», argumentando que beneficia desproporcionadamente a unha empresa privada en detrimento dos veciños.
“Nós entendemos que existe unha desproporción entre o que o Concello aporta e o que os veciños e veciñas reciben, tal e como tamén sinalan de diversas formas os informes tanto de Secretaría como especialmente de intervención” explicou Caamaño en Radio Xallas.
O PP defende a procura de modelos alternativos: «Pedimos incluso que se retirara este punto, que se suspendera a votación, e que buscáramos entre todos outro modelo, incluso coa Xunta de Galicia ou coa Deputación» argumentou.
Espazo Común quere unha residencia pública
O portavoz de Espazo Común, Francisco Javier González Trillo, reiterou a súa defensa dunha residencia de maiores pública, xestionada pola Xunta de Galicia.
Propuxo ceder o edificio do Pino do Val á Consellería para que esta inclúa a Mazaricos no seu plan de novas residencias. González Trillo argumentou que esta opción beneficiaría non só aos veciños de Mazaricos, senón tamén aos de concellos limítrofes, e criticou o modelo privado por consideralo inasequible para a maioría dos pensionistas locais.
A proposta de pregos foi aprobada en pleno co voto a favor do BNG, a “abstención crítica” do PP e o voto en contra do edil de Espazo Común.
FOTO PORTADA-ESPAZO COMÚN