A deputada do Grupo Popular e voceira do PP en Camariñas, Paula Mouzo Mas , anunciou que solicitará no Parlamento galego que a Xunta de Galicia “intensifique a cooperación coas entidades competentes no ámbito do patrimonio arqueolóxico subacuático para impulsar campañas destinadas ao coñecemento dos bens existentes nas costas galegas”.
Fixo o anuncio nunha xuntanza co co delegado da Real Liga Naval Española na Costa da Morte, Rafael Lema, a quen anunciou a presentación desta iniciativa no Parlamento de Galicia dada a relevancia do patrimonio arqueolóxico subacuático existente nas costas galegas, “así como a necesidade de reforzar as políticas existentes para a protección, investigación e recuperación destes achados, que outorgan ademais grandes oportunidades turísticas”.
Estudo do patrimonio subacuático
“O obxectivo é previr o espolio e asegurar a correcta conservación desta peza, que pasará a formar parte dunha exposición museística”, explicou Paula Mouzo, lembrando a recente recuperación dun canón de bronce en Sardiñeiro-Fisterra.
Así mesmo, indicou que a realización de campañas de coñecemento do patrimonio arqueolóxico subacuático “permitirá seguir afondando no estudo e difusión de sucesos acontecidos no pasado nas costas galegas, para o que resulta fundamental a difusión dos obxectos achados e o impulso de accións dirixidas á recuperación doutros bens afundidos”.

