A asociación O Camiño dos Faros e o cámping Lago-Mar na Semana Santa promoveron unha andaina desde Ponte do Porto á praia do Lago en Muxía. Setenta trasnos e unha ducia de cans participaron na cita que contou no remate cun debate en formato podcast do escritor local Rafael Lema e de dous membros da asociación promotora do camiño.
A marcha empezou cunha charla de Lema no muiño das mareas de Cereixo, enfrente a illa de Fornosapo, onde a lenda fala da presencia dun dragón ou serpe mariña. Desta e doutras lendas como o encanto do Penedo ou o castrón de Leis falou o autor porteño a un público entregado e que non renunciou ao paseo por un espectacular terreo a beira da costa no medio dun persistente orballo.
O escritor tratou tamén do tramo xacobeo da Vía Céltica engarzado no camiño posxacobeo a Muxía, da vila medieval de Cereixo, do comercio mariño da ría de Camariñas e dos camiñantes milenarios que compartiron a experiencia deste tramo de ruta, como Bartolomé Fontana, Martín Sarmiento, Domingo Fontán, Erich Lassota, Vanti, Naia. Antes de chegar ao remate da camiñata, na praia Barreira, o autor de «Camiño dos faros», «El camino secreto de Santiago» ou «Vía pagana a Compostela» tratou sobre a peregrinación por mar na ría, os seus vellos portos e os naufraxios. Un tema que centrará a súa próxima conferencia o 29 deste mes en Portas Artabras da Coruña, organizada por O Facho.
A cooperativa xuvenil Horta Creativa, encargada da xestión de Lago-Mar, promove un espazo cultural activo nunha localización privilexiada. Invitaron a todos os camiñantes a unha paella xigante no camping nunha xornada inolvidable.
FOTOS TERESA CANDAL