Recentemente o DOG publicaba unha resolución favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade con respecto a Variante de Carballo. E tamén, en relación co concello de Carballo, o Consello da Xunta aprobaba o proxecto de urbanización da segunda fase do polígono industrial de Bértoa.
Para o deputado autonómico e portavoz municipal do Partido Popular, Rubén Lorenzo, ”ambas actuacións son amplamente demandadas polo empresariado desta comarca e seguen dando pasos firmes para contribuír a que Carballo se manteña como un referente no desenvolvemento económico en Galicia e consolide a súa condición de cabeceira da comarca de Bergantiños”.
Variante de Carballo e Polígono industrial de Bértoa
No caso concreto da Variante de Carballo, Lorenzo manifestou que “supón un avance maiúsculo na tramitación dun proxecto que é vital para conectar o polígono de Carballo co sur de Galicia e para desconxestionar de tráfico pesado o centro urbano”.
Neste sentido, afirmou que “a Xunta xa ten preparado o proxecto de trazado co anexo de expropiacións, ao que xa lle pode dar o visto e prace provisional para iniciar o procedemento de información pública e proceder á expropiar os terreos afectados, que son 182 propiedades nas parroquias de Bértoa, Artes e Verdillo”.
E no referente a adxudicación do contrato de urbanización e parcelamento da FASE II de ampliación do polígono empresarial de Carballo, sinalou que se trata dun avance importante que permitirá incorporar 630.000 metros cadrados de solo industrial para atender as demandas de novas industrias e a xeración de riqueza e emprego en toda a comarca.