A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, visitou o concello de Zas, onde se reuniu co alcalde, Manuel Muíño Espasandín, e membros da corporación local.
E onde lembrou que o Plan Único destina un total de 1.065.814,90€ a este concello, sendo “a ferramenta de financiamento local máis relevante” tal e como sinalou a deputada.
García Rey visitou unha das obras financiadas a través do Plan Único. Concretamente, a de adecuación de bordo da estrada entre o núcleo urbano de Zas e o núcleo rural de Ventoseco. “Obras como esta son o mellor exemplo de como o Plan Único contribúe á mellora da calidade de vida da veciñanza, que ese é, en esencia, o fin deste plan”. “Pero non so iso”, sinalou Cristina García, “senón que tamén permite financiar servizos básicos municipais a través do gasto corrente, ofrendo aos concellos un alento económico para afrontar as elevadas competencias impropias que están asumindo.”
Pola súa parte, o alcalde, sinalou que “é importantísimo para os concellos, pois posibilita facer inversións que doutro xeito os concellos pequenos como o noso serían máis complicadas. Como vemos nesta obra é unha mellora para os veciños que imos continuar ata o seguinte lugar, que é Gontalde. Para todos os concellos, independentemente da súa cor política, a axuda da Deputación é imprescindible”.