O Partido Popular de Muxía pide a dimisión de Iago Toba Campaña, polo feito de que “o portavoz do PSOE de Muxía siga recorrendo ás faltas de respecto, aos insultos e a actitudes machistas que non teñen cabida na política nin na sociedade”.
Os populares denuncian que no último pleno “o exalcalde se referiu a unha persoa octoxenaria e con discapacidade, que asistía como público, como inútil e inválido”.
Desde o PP entenden que “estas condutas non son asumibles nin queremos que, por reiteradas, cheguen a normalizarse. Pedimos a dimisión do portavoz do PSOE de Muxía e agardamos a condena destes feitos por parte do PSOE de Galicia”.
“Besteiro ten que responder se respalda e apoia estas actitudes e eso demóstrase con feitos” explica a portavoz municipal, Sandra Vilela, que agarda unha reacción por parte do PSOE galego.
Nun mesmo comunicado desde este grupo destacan que “Muxía avanza con estabilidade grazas ao novo goberno” e valoran a aprobación do orzamento municipal “garantindo a estabilidade que o noso concello necesita para seguir medrando”.
