O concello de Santa Comba e o Centro de Saúde presentaron o programa “Naturalmente Fortes” que se enmarca nas actividades da V Clásica Gandeira e no Plan de Saúde Local.
Na presentación, desenvolvida na Casa do Pozo, participou a concelleira de Cultura e Deportes, Patricia Val Antelo e a Xefa de Servizo do Centro de Saúde, Laura Vela Florez.
Tamén asistou a concelleira Noelia Baleato, a doutora Sandra Buján, a técnica de de deportes, Elisa Capelo, e representantes de asociacións e empresas colaboradoras.
Segundo explican desde o concello de Santa Comba nunha nota de prensa este programa “ten como finalidade receitar a práctica deportiva como instrumento para a mellora da saúde de todas aquelas persoas que, derivadas polas súas médicas de cabeceira, se poidan ver beneficiadas por unha rutina de exercicios e talleres nos que os conceptos de forza e equilibrio son eixes básicos sobre os que traballar o benestar físico e mental”.
Diferentes actividades
Deste xeito durante os vindeiros meses case 50 persoas participarán nunha “rutina de exercicios físicos” asesorados polo experto Juanma Vega.
Tamén se organizarán, con carácter aberto á poboación, obradoiros de Ioga a cargo dos centros Alba e Samarel, unha clase de meditación impartida pola Asociación Peregrinos del Camino, unha charla sobre nutrición que levará a cabo a endocrinóloga Cristina Guillín e unha andaina polos percorridos da 10K da Clásica Gandeira
“A partir deste ano queremos que a Clásica Gandeira sexa a oportunidade para involucrar a toda a veciñanza en programas que promovan a saúde, a educación de calidade, a igualdade e a concienciación medioambiental” explicou a concelleira Patricia Val.
A doutora Laura Vela amosouse moi orgullosa e satisfeita de poder levar a cabo un programa que “responde as necesidades que vemos no día a día da nosa práctica profesional, e que ademáis incorpora un marcado factor humano e social que tamén é imprescindible para o fomento dunha vida saudable e equilibrada”.