O Presidente da asociación de empresarios de Santa Comba, Diego Vilas Boga, asegurou que unha das súas prioridades é a ampliación do Polígono Industrial.
“Isto é algo que nos incumbe a todos, tanto pola economía local, como polas novas empresas que se veñan implantar no noso concello, e tamén as empresas existentes que queiran medrar a teñan necesidade dun espazo”.
Nunha entrevista en Radio Xallas, informou que a asociación mantivo varios encontros con Xestur comentando que “os trámites van moito máis lentos do que nos esperabamos”.
Vilas lamentou que tanto o anterior executivo local xalleiro como a administración autonómica non actuaron todo o correctamente que se precisaba: ”No seu día non se realizaron ben as cousas e isto causou que haxa bastantes atrancos nos trámites”. Con todo isto afirmou que “non imos tirar a toalla, imos pelexar porque creemos que é moi importante a ampliación do noso Polígono Industrial. E traballaremos arreo para que sexa unha realidade”·
Reclamación a Correos e Formación
Tamén en Radio Xallas, confirmou que presentaron unha reclamación en relación con Correos: “Aquí no núcleo están realizando o reparto unha vez á semana e iso conleva que moita documentación non chegue a tempo”. Algo que considera “inadmisible”.
Onde as xestións van máis adiantadas son coa Consellería de Educación para conseguir a implantación dun ciclo de electromecánica de maquinaria.
Diego Vilas é optimista e valora “moi positivamente” o papel da Dirección Xeral de Formación neste asunto.