A localidade vimiancesa de Treos acolleu unha xuntanza veciñal para tratar sobre o parque eólico Patiñeiro, e a iniciativa da asociación ecoloxista Adega de emprender accións xurídicas e recorrer no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorización deste parque.
Este parque está incluído na campaña Ti podes paralos!. O obxectivo é xuntar uns 8000 euros, repartidos en 2 fases. A primeira fase remata en 11 días e precísase chegar aos 4000 euros.
A través desta campaña, Adega conseguiu anular ou paralizar cautelarmente uns 33 parques eólicos, entre eles, o Monte da Croa (en Castrelo).
“Os habitantes desta zona está preocupados”
Desde a asociación Vendaval Costa da Morte difundiron un comunicado no que aseguran que “os habitantes desta parroquia están preocupados, sobre todo, polo impacto das instalacións eólicas sobre os recursos hídricos; xa que, a fonte de San Miguel, a fonte da Zamarreda ou a Devesa de Treos, que abastecen varios lugares, poderían chegar a desaparecer polo que quedarían sen auga”.
Denuncian que este parque eólico “instalaríase nun corredor ecolóxico entre a costa e o encoro da Fervenza, cunha importante avifauna ameazada e aves migratorias; e atoparíase nunha zona de alta densidade de individuos de lobo”.E tamén n un contorna de “importante densidade de xacementos arqueolóxicos”. O proxecto contempla a instalación de tres aeroxeradores.

