O pleno de Fisterra aprobou o Plan Único. Pero o presentado pola primeira forza da oposición e opción maioritaria da cámara local, o PP.
Había a proposta do goberno local de Alternativa dos Veciños, e dúas emendas. Unha do PP e outra do PSOE. Saíu adiante a dos populares co apoio do edil Francisco Martínez, a abstención dos edís de Alternativa dos Veciños e do BNG e en contra do PSOE.
O PP asegura que evitou a perda dos fondos
Luis Insua xustificou a proposta alternativa “ao pouco proxecto e a pouca negociación que se levou a cabo” acusando á alcaldesa, Áurea Domínguez de presentar un Plan “que paga favores na consecución do seu salario”.
Nun comunicado, Insua explicou que “Os veciños de Fisterra teñen que saber que foi o Partido Popular o que logrou que o Concello non perda preto de 400.000 euros que estaban en perigo pola debilidade dun Goberno local que é incapaz de sacar adiante as súas propostas no pleno”.
O popular indicou que a iniciativa da súa formación permitirá facer un “forte aposta” por obras en Alcalde Fernández, Escaselas e na conexión de O Sisto co Alto do Caribio. “Son actuacións que gracias á emenda van a poder executarse nun prazo curto de tempo e que na proposta de Alcaldía perdíanse no POS complementario. Desta forma, os cartos do gasto corrente van para estas actuacións urxentes”.
O Plan Único de Fisterra
Dos 377.000 euros destínase 69.000 para gasto corrente, e realizarase a pavimentación da rúa Agra Nova(58.000 euros), a mellora do viario do Sisto- Alto do Caribio (56.000 euros), unha pavimentación en Escaselas(50.000 euros), e a mellora da pavimentación e o saneamento da rúa Alcalde Fernández (141.000 euros).
No plan complementario figura unha actuación en Vilar de Duio(75.000 euros) e outra en Calcoba(109.000 euros).
O portavoz socialista, José Marcote, sinalou que “todos os proxectos fan falta” pero advertiu que con respecto a rúa Agra Nova “non ter a dispoñibilidade dos terreos é un risco” de perder esa partida. Indicou que as diferentes propostas do Plan Único eran semellantes pero o PP tiña “un enfoque equivocado”.
A alcaldesa percibe un “castigo” por parte do PP
Idéntica apreciación fixo a alcaldesa Áurea Domínguez: “As obras son as mesmas pero postas de diferentes maneira e isto reduce o gasto corrente”, o que entende como “un castigo” ao goberno local e un intento de “afogar ao concello”.En referencia á obra da Agra Nova matizou que había permisos verbais.
Despois nas redes sociais a mandataria manifestou:”A proposta do PP fai perder a Fisterra un total de 82.642,74 € destinados a gastos correntes de primeira necesidade como é a luz e o mantemento dos servizos municipais”.
Teresa Fernández(BNG) criticou que o PP non presentara as propostas na comisión informativa e acusounos de “facer oposición ao goberno e oposición á oposición”.

