O Partido Popular trasladou ao Goberno da Deputación da Coruña a súa preocupación polo mal estado de conservación da estrada DP-1914 ao seu paso pola parroquia carballesa de Entrecruces.
O portavoz provincial, Evaristo Ben Otero, subliñou que os veciños desta zona padeceron as consecuencias dunha tremenda inundación que puxo en risco a súa seguridade fai unhas semanas. “Falamos dun problema grave que puxo en risco a seguridade dos veciños que viven nesta parroquia”, apuntou Ben, quen incidiu en que non se trata dun asunto puntual, senón que as inundacións son “recorrentes” nesta zona.

Ben destacou que, en outubro pasado, a Deputación da Coruña levou a cabo traballos para mellorar a capa de rodadura da DP-1914, o que provocou que se taponasen as zonas de recollida de pluviais. “É moi necesario que se abran estas canalizacións, aínda que esta actuación non tivera evitado as graves inundacións vividas fai un par de semanas. Urximos a que se tomen medidas adicionais canto antes”, apuntou Ben.

Denuncia do PP de Carballo
A demanda dos populares provinciais chega despois de que o Partido Popular de Carballo, a través do seu portavoz, Rubén Lorenzo, denunciase que os veciños desta parroquia xa avisaran ao Concello de Carballo dos riscos que podían orixinar as choivas fortes, tendo en conta que o conduto que canaliza a auga do afluente do Río Grande levaba tempo obstruído.
“É unha vía de titularidade provincial, polo que o concello trasladou o problema á Deputación que, lonxe de actuar e previr o que podía pasar, lavouse as mans e agora segue sen dar unha resposta a pesar de que os veciños levan coa auga nas súas casas desde o pasado sábado”, denunciou Lorenzo.
Lorenzo agradeceu o traballo realizado por Protección Civil durante todos estes días e urxe a poñer solución ás inundacións, tendo en conta que hai veciños que teñen todo o garaxe cheo de auga e noutras casas viven persoas con dificultades para moverse.
“Non se pode estar así. É unha situación moi grave. A auga chega sen control ás casas e é un perigo para a circulación nunha estrada pola que viaxan moitos veciños que a diario se moven entre Carballo e Santiago de Compostela”, explicou Lorenzo, quen urxiu á Deputación da Coruña a tomar medidas para solucionar esta inundación e previr futuras situacións similares.


