Inundación en supermercado e garaxes no concello de Carballo
Os bombeiros do parque Provincial de Carballo participaron pasadas as 21:00 horas de onte, 24 de xaneiro, nun operativo provocado pola inundación nun supermercado na rúa Cemiterio Vello e dun garaxe na avenida Compostela, no concello de Carballo.
A inundación, debido ás fortes choivas, fixo que entrase parte de auga no interior dos lugares. Tanto no supermercado como no garaxe había poucos centímetros de auga polo que os bombeiros provinciais procederon a abrir todas as tapas dos sumidoiros para que drenase a auga. Tras baixar o nivel da auga e volver á normalidade colocáronse as tapas de novo e unha vez comprobadas as medidas de seguridade deuse por rematado o servizo.
Inundación nun cuarto piso debido ao caleiro do tellado, no concello de Carballo
Os bombeiros do parque Provincial de Carballo participaron pasadas as 22:30 horas de onte, 24 de xaneiro, nun operativo provocado pola inundación nun 4º piso na avenida Bergantiños, no concello de Carballo.
A entrada de auga no 4º piso debeuse a un posible atasco no caleiro da baixante do tellado. Así, os bombeiros provinciais accederon ao tellado desde o vehículo grúa para poder desatascar, dentro do posible, o caleiro de baixantes.
Os bombeiros limparon todo o caleiro e retiraron anacos grandes de tela asfáltica que estaba despegada da parte interior da fachada que da o tellado. Unha vez limpo o caleiro e comprobadas as medidas de seguridade deuse por rematado o servizo.
Información e fotos Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento A Coruña