O BNG de Vimianzo presentou máis de 200 firmas de veciños das parroquias de Carnés e Cereixo, en Vimianzo, solicitando a axilización dos trámites necesarios para a entrega dos títulos notariais definitivos da concentración parcelaria, un proceso que leva anos pendente.
O portavoz local, Benxamín Queiro e o deputado do BNG Óscar Insua, presentaron as firmas e reuníronse con Belén Mosquera, xefa do Servizo de Estruturas Agrarias da Coruña.
Durante o encontro, Mosquera informou que o departamento traballa para que os títulos poidan entregarse ao longo de 2025, aínda que sinalou que as demoras se deben a cuestións técnicas aínda por resolver.
O portavoz Benxamín Queiro criticou o atraso asegurando que «“non pararemos de insistir para dar solución a este retraso que consideramos inxusto, pois cómpre recordar que o proceso foi rematado en firme no 2020».
Pola súa banda, Óscar Insua afirmou que “non se pode estar 40 anos tramitando unha concentración parcelaria, pois isto non axuda nada a impulsalas noutros lugares; o BNG está coa veciñanza de Vimianzo para exixir que poñan todos os medios posibles para finalizala canto antes”.