A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, salientaron o investimento de 319.500 euros en infraestruturas rurais no concello de Mazaricos entre 2023 e 2025.
Nunha visita a este concello, na que estiveron acompañadas polo alcalde Juan Blanco e polo portavoz local do PP, José Manuel Caamaño, lembraron que dentro do Plan Marco 24-25 fináncianse actuacións por máis de 77.800 euros para a mellora do camiño de Lago a Pazos de Vaos, o camiño de Cerca en Atán e a pista de Fontes en Pidre.
No 23-24 destinouse case 77.700 euros para a mellora camiños de Atán e Colúns.

Rehabilitación de camiños en zonas de parcelaria
Con cargo ao Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria, o concello de Mazaricos recibiu máis de 164.000 euros para a mellora dos viarios municipais nos lugares da Gueima na concentración parcelaria de Maroñas, e nos camiños de Fornís e Manda na concentración parcelaria de Coiro, cunha lonxitude total de 1.870 metros.
Unha segunda intervención contempla a mellora do lugar de Grille na concentración parcelaria de Antes II e nos viarios de Fírvado e Vilar da Costa na concentración parcelaria de Coiro, cunha lonxitude total de 2.340 metros.
A delegada lembrou que a Consellería do Medio Rural habilitou esta orde co obxectivo de facilitar a accesibilidade e a vertebración do territorio e, por tanto, a produtividade agraria e forestal.

