O portavoz socialista de Muxía considera que os primeiros meses despois da moción de censura están demostrando que a alternativa ao seu executivo era un “conglomerado de intereses” cun bipartito que “non fixo nin unha soa obra” polo momento.
«O BNG está completamente vendido ao Partido Popular»
Para Iago Toba é un tripartito. “O BNG está completamente vendido ao Partido Popular, máis a Independentes. Lonxe de defender a súa postura progresista, decidiu renunciar a súa labor de oposición”.
E sen consecuencias no propio partido: “Ana Pontón vai a ter que demostrar se está de acordo con esa premisa que vai vendendo por todos os municipios galegos de que non haxa acordos coa dereita”.

«Hai unha loita interna no goberno local»
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” asegurou que existe “unha loita interna” entre PP e IxM “para ver quen é o máis protagonista o máis alcalde, de feito creo que é o municipio que máis alcaldes ten, temos un multialcalde”.
Isto deriva “nun caos total, por culpa dunha unión artificial. Non os une nada, só poñernos a nós fora. Non teñen absolutamente ningún proxecto importante para a Muxía”.
Sobre Javier Sar afirma que “Nós temos agora mesmo un alcalde ausente, non sabemos onde está o alcalde”.
E sobre Sandra Vilela, asegura que hai militantes históricos do PP que “están anodadados” porque os actuais dirixentes “venderon ós seus votantes”.
“Tiveron que esperar un ano para poñerse de acordo para unha manobra rara. O partido principal da oposición, o segundo que máis votos sacou, que era o Partido Popular, renuncia e dálle á alcaldía ao terceiro partido, o segundo partido máis perdedor”.

“Unha comida de Nadal”
Iago Toba pensa que hai unha imaxe moi ilustrativa da situación política de Muxía:
“Houbo unha comida de Nadal que se fai cos traballadores, co goberno, que aparecen dous invitados, que o alcalde dicía que non tiña relación ningunha. Un construtor e un ex-alcalde”.
A Toba resúltalle “curioso” que o alcalde “queira levar contratación e obras e diga que non ten ningunha relación con ningún ex-alcalde”. E insiste que “desde 2019 todo isto ven da mesma parte executora e foron cambiando estratexias e actores para quitarnos”,
Pero asegura que seguirá e presentarase ás eleccións municipais de 2027: “Intentaron por todos os medios que me apartara da política, pero ningún tipo de presión empresarial, política ou emocional, me vai apartar”.
Nesta entrevista, o portavoz muxián insistiu en que o goberno local perdeu máis de 150.000 euros en subvencións e tamén falou das cartas sobre a xestión da biomasa ou do SAF.

