José Manuel Pequeño Castro recibiu o premio “Ti fas o Camiño” no marco do II Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra – Muxía que se celebrou en Negreira. Sen dúbida un merecido recoñecemento a unha persoa que traballou e preocupose polo Camiño Xacobeo a tódolos níveis.
Sendo alcalde de Dumbría, presidente de Neria ou deputado provincial. En calquera lugar sempre estivo interesado na mellora das instalacións, a promoción e todo o relacionado con esta histórica ruta.
Pequeño, perseveranza e paixón
«Neste sector e nesta sociedade fai falta perseveranza e paixón, dúas cualidades que se personifican en José Manuel Pequeño” sinalou o Vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.
O II Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra – Muxía contou con diferentes palestras. Na inauguración participou o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o deputado de deportes da Deputación, Antonio Leira, a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez; e alcaldes dos concellos pertencentes a esta entidade.
En relación co Camiño Xosé Regueira declarou que “Precisamos ser competitivos e acertar nas receitas que temos que empregar para conseguir un futuro máis sostible e responsable co camiño, que non o banalice, o respecte e sexa valioso para a poboación residente».
Pola súa banda, Xosé Merelles, informou que O Camiño de Fisterra Muxía medrou no que vai de ano a un ritmo do 27%. Ao mesmo tempo, os últimos datos turísticos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) destacan que a Costa da Morte recibiu 161.461 viaxeiros que fixeron 324.721 noites nos establecementos de aloxamento dos distintos concellos, acadando uns incrementos do 4,9% e 1,3% respectivamente.


