O BNG reiterou a necesidade de que a Xunta de Galicia inclúa nos orzamentos do 2025 tres actuacións que consideran prioritarias e que formaron parte das emendas presentadas por este grupo.
Os nacionalistas solicitaron que se habilitara unha partida de 1.000.000 de euros para o Centro de Saúde de Santa Comba e para que se contemple o proxecto de reforma integral do Ceip Barrié de la Maza.
Ademais, tamén demandaron unha ampliación do orzamento para a mellora da AC-406 Santa Comba-Portodemouro.
«Sería completamente inexplicábel que despois de que a veciñanza leve tanto tempo reclamando, que o BNG levase o tema ao Parlamento en diversas ocasións e que a propia Xunta comprobase o lamentábel estado das instalacións, os orzamentos non recollesen partidas para o centro de saúde e o CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba», afirma o portavoz local, Juan David Sixto.
Pola súa banda a deputada Iria Carreira lamentou que «a Xunta continúe facendo oídos xordos a unhas demandas xustas que o BNG levou en repetidas ocasións ao Parlamento» e lamentou que «a súa execución non fose xa contemplada nos orzamentos e teña que ser o BNG quen lle lembre que é urxente a mellora deses dous centros para que a veciñanza de Santa Comba teña servizos públicos sanitario e educativo de calidade».