O alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, expresou o seu malestar pola retirada dos chamados PID (Puntos de Información Dixital) da Xunta de Galicia que serven para a renovación da tarxeta do paro e outras xestión relacionadas co emprego.A que está situada na Casa da Cultura de Santa Comba é unha das 154 máquinas espalladas por Galicia.
Molesto co fondo e coa forma
“É unha máquina moi utilizada por xente maior e non tan maior que teñen limitacións á hora de facer trámites co seu teléfono de maneira dixital” explicou Romar en declaracións a Radio Xallas. Lamenta que se enterou da problemática pola prensa e que recibiu unha chamada da empresa que xestiona estas máquinas “xa que nin a Consellería nin a xefatura territorial se dignaron a mandar un comunicado oficial”.
Asegura que deu ordes para “que non se retire ningunha máquina dun edificio público do Concello de Santa Comba”. O mandatario lembrou que na Casa da Cultura hai un técnico municipal que presta axuda para renovar as súas demandas de emprego.
“Se aínda a xente non dá feito eses trámites, se non está un técnico, como queren , que a xente maior se faga cargo co seu teléfono?” preguntouse o rexedor xalleiro.
Tamén adiantou que pedirá o PSOE leven este asunto o Parlamento. “Paréceme un paso atrás desde a Consellería de Emprego, que espero que valoren” engadiu.

