Os Homes e Mulleres de Sal e Ferro no Ollo Máxico de Xesús Búa

«Homes e mulleres de sal e ferro», libro de imaxes de percebeiros da Costa da Morte do fotógrafo muxián Xesús Búa, saído á rúa coa editorial Canela, foi presentado na fin de semana en Muxía. As próximas mostras do libro levarano o día 14 a Vimianzo e o 21 a Camariñas.

Coñecín a Xesús a principios dos noventa compartindo traballo na prensa como correspondente e reporteiro gráfico. Foron moitos os actos vividos con él desde entón. Pode que a súa primeira exposición de fotos fora a que eu organicei no Casino da Ponte do Porto. Tamén lembro aquelas visitas anuais a Ramón Caamaño o día do seu cumpreanos, cando nos invitaba de cinco en cinco na casa de Chete en Corcubión a tomar pastas e xerez. Una cousa leva a outra, sen sairmos de Muxía. De Caamaño a Búa pasando pola nai de todo, a inmensa Ruth Matilde Anderson.

A americana visitou Muxía no 1924 coa súa cámara e deslumbrou a Caamaño retratando na Praia das Lanchas. Visitou palilladas e a fonda dunha tal A Valenta. Posible parenta de Búa. Moitas veces naquelas tertulias de tarde e noutros ratos vividos con Caamaño confirmoume o desexo de seguir a estela do mestre; esa loita contra o tempo, pola captura dos días e das horas das xentes, do que se perde sen remedio.

A fotografía foi ocupando o tempo que non ía ao mar, ata comerlle toda a alma. O traballo comercial, as ansias por aprender sempre, buscar melloras técnicas para ofrecer calidade e bo facer ao cliente non lle facían perder a outra perspectiva, a artística. Unha vez, naquelas primicias de corresponsal, parou Xurxo Lobato un día da feira da Ponte nas portas do Casino e ensinounos un luxoso libro de fotos súas, entre cebolas de Traba e grelos de Carnés. Búa díxome que él tamén quería facer un día algo así. Chegou o día. Pasaron anos de exposicións, de premios, de gabear polas penas e ínsuas levando molladuras coas salseiras.

E o tempo ven de presentar un traballo feito con amor, técnica, defensa dun oficio e dunha terra, admiración duns homes e mulleres enfrontados á deusa terrible do mar, para a que fai centos de anos ergueron os vellos un santuario na punta da Barca, que calmara o seu debezo. E moitas referencias aos mestres. Sobre todo a un, o fotorreporteiro Sebastiao Salgado. Contoume Búa cando me trouxo a primicia outonal deste fermoso froito antes da presentación que era a primeira obra adicada só a xente deste oficio. Os protagonistas son os homes e mulleres das confrarías de Muxía, Camariñas, Camelle que apañan os percebes, un canto a cultura mariñeira e ao esforzo humano contra un elemento hostil, mais respetado, polo tanto querido. Logo tivo noticia do cartafol de Joao Mariano «Guerreiros do mar», o máis cercano ao seu.

Faloume o autor do editor, Canela (Pablo Quintana), que foi músico antes que impresor, do seu gusto pola excelencia. Temos na mesma colección outra xoia do meu antigo compañeiro Marcos Rodríguez. Búa citou a «escolla dun papel cunha textura que transmita nostalxía, onde se aprecie un negro roto», unha imaxe que fai marcar as enrugas da pel e da costa, as sombras e claros do mar. Ese alquimista da imaxe que foi Ingmar Bergman, a quen coñecín en Kassel-Alemania ensaiando unha peza de Valle Inclán, entrou na fantasía do audiovisual cunha lanterna máxica, unha cámara escura ou aparato óptico precursor do cinematógrafo.

Búa, admirador de Caamaño e ferido pola luz aventada de Muxía, convenceu á avoa para que lle regalara unha cámara de fotos. Foi procurando cos anos unha comunicación tan intensa coa máquina de retratar que a foi convertendo nunha parte máis da súa extremidade. Unha man e unha ollada. O corazón de Búa ten forma de cámara Nikkon; e o tempo, que teima por ir polo mar abaixo levando todo por diante, rostros e paisaxes, cede ante a captura do fotógrafo. O misterio dos días está no inútil, no sinxelo, no cotián; tamén no inesperado. Os traballadores do mar, tantas veces contemplados polas pedras da barca, sen sabelo, andaban na procura dun ollo meigo que conseguira fixalos para a eternidade.

O retratista sempre amou as letras e sobre todo os versos dos vates da costa da morte. O poeta e o retratista amarran os espacios temporais, otorgan significación ás cousas. Xosé Iglesias, Modesto Fraga, Rosalía Fernández Rial, Branca Vilela, Rafael Lema, Miro Villar e Alexandre Nerium aportamos a dose lírica que acompaña a unha manchea de fotografias, nunha irmandade que ven de exposicións previas polo país. Pola miña conta, axiña respondín á chamada de Búa, e quixen agradecer a amizade de anos de dúas viciñas percebeiras de Arou e Santa Mariña (Rosa e Vanesa) e no seu nome a todas as mulleres do mar da Costa da Morte.

«Falar dun libro así é para min en certa maneira falar dun fillo» aclara o retratista, para quen non entrega só un libro de fotografía senón de reivindicación e dignificación dun oficio, duns profesionais que van deixando os seus nomes polas penas, nos que pousa a súa ollada de artista e de procurador dos misterios das tebras dos corazóns na distancia máis curta do obxectivo, a rentes.

«Cando o percebeiro salta ás rochas a súa alma queda en terra. Salta sen sentimentos, sen dor, sen sentir o frío, para afrontar ese curto período de tempo que teñen para gañar o día. Tamén a min me pasaba o mesmo cando lles tomaba as fotografías, só me volvía a alma cando me sentaba para ver que fixera» lembra o autor.

Xesús Búa describe a xornada completa de traballo dos percebeiros e percebeiras de Camariñas e Muxía, desde que almorzan na casa, baixan ao mar e saltan ás pedras ata rematar coa escolla do produto cando volven a terra. Escenas da faena e retratos duns protagonistas co sal nas veas alternan as follas deste álbum que nos recorda en forma e fondo aqueles primeiros portfolios das casas Lumiere ou Hauser e Menet.

Un texto de Xan X. Fernández Carrera serve de emotivo prólogo a 200 páxinas e 175 fotos. O autor estivo acompañado na presentación en Muxía polo prologuista, Xan Fernández; polo editor, Pablo Quintana; pola edila de Cultura, Sandra Vilela, e polo alcalde, Javier Sar.

PERCEBEIRAS EN SANTA MARIÑA. Rafael Lema

Rosa co raño apaña as unllas na furna dos encantos

Vanesa vai enchendo a bolsa de percebes

falando coa colla sen palabras.

O mar axitado envía tombos

evitados polas sombras abalando

amarradas polos cabos á vida

en tensión

a uns ollos en constante vixía

cara a esa mariña rede que tanto sangue esgota.

A gamela achega á insua

onde aniñan inquedos araos

agardando o devalo do mar.

Rosa e Vanesa brincan polas rochas

arrancando escamas de salitre

á brisa que chega do Palleiro.

As ondas comezan o seu canto

cada verso leva o nome dun patrón caído

cada laio chega á praia

coma un libro de derrotas.

Na marea a mañá estala

cos ventos salpresos das auroras

nun verán embalado cara a lúa de agosto.

Elas saben que pisan os dominios

dunha deusa con fame de amenceres

onde teñen o breve permiso da señora do mar

da rosa dos solpores

concedido ás súas fillas

mentres monstros deformes e enormes baleas

dormen o pequeno sono das vagas

o permiso dos humanos para andar a cabalo

nos froitos do paraíso fronteiro cos infernos.

A gamela recolle ás dúas percebeiras

e guía a proa cara a Santa Mariña

onde un día segundo contan os vellos

os homes do norte rubiron polo tosto

e fundaron un lugar

nas ruínas do mosteiro abandonado polos frades

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,260SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos