A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, o concello de Dumbría para visitar as obras de mellora das marxes no acceso ao miradoiro do Ézaro, unha actuación que contou cun apoio da Xunta de 80.000 euros e da renovación da pasarela no entorno da praia do Ézaro que contou con outra achega de 50.000 euros.
145.000 euros de investimento
A representante do Goberno autonómico tamén destacou que Dumbría recibiu desta orde outros 15.000 euros para realizar un mapa e contido dixital para unha experiencia turística 3d de 360º de Dumbría. Neste senso, destacou que o Goberno galego inviste, este ano, neste municipio 145.000 euros para seguir potenciando os seus atractivos turísticos.
Acompañada polo alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, e polo portavoz do PP local, Antonio Santamaría, tamén comprobou as obras realizadas, o ano pasado, do itinerario peonil e de integración paisaxística no mirador do Ézaro que tamén contou co apoio da Xunta e tivo un coste total de case 89.000 euros dos que 80.000 foron aportados polo Goberno autonómico.
A obra consistiu en darlle continuidade ao itinerario peonil cunha nova intervención, cunha lonxitude aproximada de 320 metros, dende o treito pavimentado, resolvéndose coa mesma solución construtiva.