Acto público en Carballo. Ana Pontón: «Hai que darlle a chave dos nosos cartos aos galegos e ás galegas”
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en Carballo un modelo alternativo de financiamento para que Galicia teña «a chave dos seus cartos» tal e como xa ten Euskadi e pronto vai ter Cataluña.
Destas propostas do BNG falou nun acto público celebrado en Carballo, acompañada polo alcalde Evencio Ferrero e que se enmarca na campaña “Concerto económico: Galiza coa chave dos seus cartos”.
Recadar o 100% dos impostos
Pontón avogou por acadar un acordo bilateral co Estado que lle permita a Galiza recadar o 100% dos seus impostos denunciando que o goberno autonómico do PP só pretende “migallas” co que a cidadanía galega «perde miles de millóns de euros».
Neste sentido, referiuse ao informe elaborado polo economista Xosé Díaz, segundo o que, en 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galicia, que recibiu 10.041 millóns, é dicir, un diferencial negativo de 5.344 millóns ao que habería que restar o pago ao Estado polos servizos que presta pero que, aínda así, suporía un saldo enorme a favor do País.
«Hai que darlle a chave dos nosos cartos aos galegos e ás galegas” manifestou Ana Pontón que critica que o actual modelo sitúa a Galicia como «unha comunidade de segunda».