A deputada socialista Patricia Iglesias ofreceu a súa valoración das contas autonómicas 2025 que considera “decepcionantes” por distintos motivos:
“Vemos promesas históricas de sempre que se incumpren ano tras ano, cando comprobas a execución orzamentaria. Paréceme ter cara consignar nos orzamentos obras de infraestrutura urxentes e que despois non se executen”.
Unha queixa refírese a autovía da Costa da Morte: “A autovía da Costa da Morte é urxente para vertebrar a toda veciñanza, xa que é unha comarca incomunicada. É a historia dunha autovía inacabada. É unha hipocrisía que mentres piden a gratuidade da AP-9 van a subir a peaxe da AG-55”.
«Chama a atención que non rescaten a AG-55»
Despois dos anuncios do presidente da Xunta a Iglesias chámalle “poderosamente” a atención “que non rescaten a AG-55”.
Tamén critica a política educativa: ”En materia educativa, anunciase propagandística-mente o Plan Mega pero eu estiven en moitos colexios da comarca de Bergantiños e hai recortes manifestos non só en mantemento senón tamén en docentes, e moi acusada-mente en aqueles alumnos que precisan apoio por ser alumnos de educación especial”.
Nunha entrevista no programa Na Encrucillada de Radio Xallas a parlamentaria sinalou que no fondo “hai unha cuestión de ideoloxía” claramente:
“Os socialistas temos claro que a clave é o reforzamento dos servicios públicos, da sanidade pública.E vemos, no caso da sanidade, como aumentan os concertos sanitarios e a derivación na privada”.
Entrevista a Patricia Iglesias en Radio Xallas- Desde minuto 65
Lamentou que non haxa partidas para o acondicionamento da AC-406 entre Santa Comba e Portomouro ou no mesmo concello as anunciadas melloras no CEIP Barrié de la Maza “onde hai promesas pero o proxecto está aínda sen facer”.
Acusou ao goberno da Xunta de actuar con discrecionalidade e partidismo: “A Xunta favorece ós concellos gobernados polo PP e desatende a concellos gobernados polo Partido Socialista ou en coalición co BNG”. Ou que se repitan anuncios de solo industrial que non se fan realidade.
Iglesias Rey tamén puxo en evidencia os anuncios en materia de vivenda: Como non vai a aumentar se estes anos anteriores houbo practicamente unha inexecución absoluta en materia de promoción de vivenda pública?
Asegura que a Xunta está “infrafinanciando os concellos, que están asfixiados mentres o goberno galego mira para outro lado no Servizo de Axuda no Fogar, no tema da dependencia ou nas escolas infantís. Moito falan de gratuidade pero hai que ver a comparativa do que se transfire desde a Xunta ás escolas infantís privadas e concertadas e as partidas que se transfiren as escolas infantís municipais”.


