O BNG presentou unha proposición non de lei sobre a situación do proxecto de rehabilitación do CEIP Barrié e la Maza de Santa Comba, a través das deputadas Iria Carreira e Cristina Fernández.
O BNG solicita que «a Consellería non a deixe á marxe e escoite as súas demandas e suxestións para abordar da mellor maneira posíbel a reforma do CEIP».
Piden que se manteña unha «comunicación fluída e dinámica coa comunidade educativa, recollendo as súas suxestións para a acometida das reformas e actuando de xeito transparente dándolles a coñecer prazos de execución, prioridades de actuación, etc…».
O BNG lembra que hai un compromiso da Consellería de Educación para “desenvolver o proxecto neste mesmo verán para iniciar logo a licitación para executar as obras, que se prolongarán arredor de nove meses, no verán próximo”.
«É necesario e urxente porque levan anos reclamando esta actuación e son quen mellor coñece os problemas e as necesidades do centro» afirmou o portavoz local, Juan David Sixto.
O portavoz municipal do BNG, recoñeceu o labor do grupo parlamentario nacionalista «á hora de facer fincapé e insistir ante a administración educativa neste tema tan relevante para Santa Comba xa que o CEIP está nunhas condicións que dificilmente se poden manter no tempo dado o deterioro das instalacións».