O BNG quere que a Xunta responda con urxencia á situación creada polo temporal Kirk e que afectou duramente ao sector gandeiro.
Nunha visita a Gandería Marto en Abeleiras-Mazaricos, o deputado nacionalista Secundino Fernández anunciou que presentará unha batería de propostas no Parlamento de Galicia “arbitre as axudas necesarias para o sector agrario”.
Fernández, que estivo acompañado pola tamén deputada Rosana Pérez, anunciou que na vindeira sesión plenaria “interpelaremos á conselleira do Medio Rural para demandar as axudas necesarias neste momento crucial e grave para a gandaría”.

Declaracións do alcalde de Mazaricos
Pola súa parte, o alcalde de Mazaricos non ocultaba a súa preocupación: “Véxome na obriga de trasladar publicamente a gravidade da situación que estamos a vivir tras o paso da borrasca Kirk, que nos deixou nun momento crítico para o sector lácteo do noso concello e de Galicia en xeral”.
Juan Blanco lembrou a importancia do sector lácteo en Mazaricos e na comarca do Xallas, nun municipio que produce máis de 140 millóns de quilos de leite e cultiva máis de 3.000 hectáreas de millo forraxeiro, “o principal alimento das nosas vacas·.
Máis da metade do millo sementado en mazaricos está perdido
“Máis da metade do millo sementado en Mazaricos está perdido entre o que quedou tumbado ou roto polo aire, e o directamente inservible pola acumulación de auga” detallou o mandatario que demanda axudas desde a Xunta de Galicia:
“Se non se toman medidas, esta situación pode pór en serio risco a viabilidade de moitas explotacións. Estamos aquí para esixir á Xunta que actúe con urxencia. Non podemos deixar que os gandeiros de Mazaricos e de toda Galicia asuman sós o impacto desta catástrofe”.
Juan José Blanco demanda do goberno galego que responda con “decisión e responsabilidade”.



