Iago Toba Campaña difundiu unha entrevista no seu perfil de Facebook na que achegou reflexións sobre a moción de censura.
“Esta moción é un conglomerado de perdedores que se unen para conseguir o que non conseguiron na anterior lexislatura, que volvan as vellas glorias e as vellas costumes”.
«QUERÍAN QUE FORA UNHA MARIONETA»
Para Toba o obxectivo desta moción é “recuperar os intereses duns poucos en detrimento dunha maioría”. Ten claro que “querían que fora unha marioneta” e que “hai intereses empresariais en xogo” que fan prosperar esta iniciativa.

“O PP vende a alcaldía a IxM e o BNG consinte un goberno de dereitas”
Lanzou varios reproches ao PP. Denuncia que “o PP vende os seus votantes por un soldo” e que “con esta moción de censura gaña euros”, cunha portavoz Sandra Vilela que “desistiu de ser alcaldesa por un soldo”.
Nesta entrevista dixo que “O PP vende a alcaldía ós independentes e o BNG consinte un goberno de dereitas”.
«O BNG ASINOU A MOCIÓN DE CENSURA E MÁIS A SÚA DESAPARICIÓN»
En referencia ao BNG, reiterou que a única vía que tiña Ana Pontón era “expulsar” a súa concelleira, e augurou un futuro negro para a formación frentista: “O BNG asinou a moción de censura e máis a súa desaparición”.
Tampouco lle outorga moito porvir o novo goberno: ”Hai desunión xa antes de formar goberno”. E critica o escurantismo en anunciar a estrutura do novo executivo.
“Temos un compromiso coa xente. Imos seguir na política. Fomos gañadores nas urnas e na Xustiza. Volverei a ser candidato”, confirma.


