O PSOE provincial denuncia “intereses escuros” tras a moción de censura presentada no concello de Muxía.
“Esta moción de censura vulnera claramente a vontade democrática expresada pola veciñanza de Muxía nas eleccións municipais, xa que pretende expulsar da alcaldía ao PSOE, que foi a forza política máis votada, para poñer a un partido que só ten dous dos 11 concelleiros cos que conta a corporación municipal” declarou o secretario provincial Bernardo Fernández.
O BNG ao servizo da dereita
Lanzou críticas contra o BNG que pon “o seu voto ao servizo da dereita para impedir que siga gobernando o PSdG-PSOE”.
Fernández instou ao BNG a expulsar á súa concelleira en Muxía por apoiar a moción co PP:
“Non abonda con dicir que desautorizan esta manobra e que se abrirá un expediente, hai que demostralo con feitos, anunciando a expulsión do partido de quen non sigue as directrices da dirección”.
Lembra que, na provincia, “os concelleiros nacionalistas que impediron un goberno de esquerdas en Cariño non foron nin tan sequera expedientados”.
Tamén se sorprende que o PP apoie a unha forza que obtivo menos votos para acceder a alcaldía.
Operación escura en Muxía
Bernardo Fernández defendeu a “vontade de Iago Toba de consensuar cos grupos da oposición os principais asuntos da xestión municipal” como os orzamentos ou os investimentos do Plan Único.
O secretario provincial dos socialistas considera que esta “operación escura” ten “moito que explicar aínda” e instou a facer público o acordo co que os tres partidos que impulsan a moción pretenden gobernar Muxía.