A portavoz municipal do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, respondeu con rotundidade as críticas do secretario xeral dos socialistas, Xosé Ramón Gómez Besteiro que cualificou de “aberración” e “xiro antidemocrático” a moción de censura presentada contra Iago Toba.
“Besteiro é cómplice dos insultos machistas, das faltas de respecto e das actitudes ditatoriais de Iago Toba, cando defende o que está defendendo”.
Nunha entrevista no programa Na Encrucillada de Radio Xallas, Vilela criticou o talante do actual mandatario pero tamén a súa incapacidade para o diálogo: “En cinco anos non foi capaz de chegar a ningún acordo con ningún partido e iso que lle tendemos a man continuamente”.
«Muxía é un descontrol, está manga por ombro»
Vaticinou que se Toba seguía na alcaldía “non iamos a ter cachos que recoller de Muxía” e referiuse a un “descontrol” na xestión co SAF de maneira irregular, a limpeza non existe, inversións sen executar, o camión do lixo tirado, contratos externalizados, está todo o concello manga por ombro”.
Vilela opina que “en Muxía sobrepasaronse todos os límites” e foron os veciños “os que pedían que se acabara con esta situación insostible”.
Recoñece que o PP debería liderar esta moción de censura pero “pesaron máis os intereses de Muxía que os intereses do partido”.
Enviou unha mensaxe de esperanza:”Os veciños de Muxía van a ter un goberno distinto, transparente, tranquilo, sosegado e que virá a servilos. Non hai nada improvisado, todo está pensado e isto vai a saír moi ben para os veciños”.
Sobre o papel do Partido Popular no goberno (tendo en conta que o BNG afirma que non participará nun executivo co PP), a portavoz popular pediu que se agardase a que o propio Javier Sar Romero nomeara ao seu equipo. Será o día 7 de outubro. Se como é de agardar, prospera a moción.

