O deputado corcubionés Óscar Insua defendeu en comisión parlamentaria unha proposta para pedir á Xunta de Galicia a que “ inicie en 2024 os trámites de licitación para a execución do tramo entre Salto e Berdoias da autovía da Costa de Morte AG-55”.
Despois das explicacións ofrecidas polo deputado Roberto Rodríguez(PP), desde o BNG anuncian que “terán a comarca en pé de guerra para que se remate, porque o que non van aceptar é un corredor de 5 km”.
Para Insua “isto é un vilipendio e unha afrenta á Costa da Morte e van ter que ir dar a cara á miña comarca, e vannos ter aos veciños en fronte porque non imos pasar por un corredor”.
O deputado nacionalista acusou o PP de tomarlle o pelo aos veciños e veciñas da Costa da Morte: “Non pode ser que se poñan nos orzamentos cartos e que levemos desde 2016 sen executar un peso”, insistiu.
Tomadura de pelo e discriminación á Costa da Morte
Ao deputado pareceulle aínda máis tomadura de pelo “dicir que se vai facer un corredor porque -advertiu- os corredores non son autovías que teñen unhas medianas. Os corredores serven para ter máis accidentes”.
Acusou a Xunta do PP de “discriminar a veciñanza da Costa da Morte” ao demorar deliberadamente as obras da autovía AG-55, unhas obras moi necesarias, asegura, pola cantidade de accidentes que se producen na estrada AC-552 e polos que sinala á xunta de ser en parte responsable ao retrasar a propósito as obras entre Salto e Berdoias
Durante a súa intervención, o deputado da Costa da Morte preguntou reiteradamente polos cartos orzamentados para facer a autovía, en concreto quixo saber onde están os dous millóns de euros que debían executarse neste 2024 e que se suman aos 6 millóns do ano 2021, aos 3,43 do 2022 e aos 3,5 millóns de euros do 2023.
“Estamos ante unha auténtica afrenta contra os veciños e veciñas da Costa da Morte, que seguen sufrindo a discriminación do Partido Popular”, recriminou.