O Partido Popular de Malpica afronta o resto de mandato en solitario despois de que o alcalde, Eduardo Parga, anunciara o cese do concelleiro Alfredo Cañizo, moi criticado por diferentes entidades sociais e culturais de Malpica.
Pola contra, o concelleiro independente, Alfredo Cañizo, asegura que optou voluntariamente por saír do goberno:
«Unha vez rematada a Festa Galega, da que como en anos anteriores quen subscribe foi o máximo encargado da súa organización e bo funcionamento, e tendo así mesmo por rematados e/ou encamiñados todos os seus compromisos para este ano das súas Concellarías, considero que é o momento axeitado para dar por rematada a miña labor neste ámbito, no entendemento de que esta renuncia non ha de repercutir no bo funcionamento desas Concellarías, que por suposto ten sido e é a miña máxima prioridade», afirma Alfredo Cañizo.
«Continuas desavinzas» con Alfredo Cañizo
Nun comunicado o alcalde Eduardo Parga explica que o cesamento é froito das “continuas desavinzas que o concelleiro mantén con distintas entidades do municipio”.
Cañizo desenvolveu durante este tempo a responsabilidade como concelleiro delegado de Servizos, Mar, Turismo, Festexos e da Mostra da Olaría.
“Non podo manter as funcións dun edil que nos últimos meses creou unha brecha moi importante con entidades representativas do municipio”, indicou Parga, que asegurou que “tratei ata o último momento de buscar unha vía de entendemento coas entidades, mais a día de hoxe entendo que non é factible”.
O rexedor apuntou que “por encima de todo están os intereses xerais de Malpica, de todos os veciños do municipio e, neste caso, das entidades e distintos sectores económicos do concello que, de forma altruísta, sacando tempo, moitas veces, de onde non hai, traballan na organización de actividades en beneficio de todo o municipio”.
O alcalde asegura que escoitou ós veciños
Por esta razón, o alcalde indicou que tomou a decisión de cesar nas súas funcións a Alfredo Cañizo, “a miña obrigación é escoitar aos veciños e buscar solucións aos problemas que me trasladan. Hai liñas que non se poden cruzar e eu, como alcalde, que ten o deber de representar a cada un dos veciños, independentemente da súa ideoloxía ou afinidade política, teño que defender os intereses xerais e entendo que isto é o mellor para o municipio”.
Agradeceu a Cañizo “a súa colaboración durante este tempo” e lamentou “que se crearan situacións de carácter irreconciliable que están distanciando ao Concello de diferentes entidades que son fundamentais na vida social de Malpica e que eu, como alcalde, non podo deixar pasar por alto”.

