O responsable local do BNG de Santa Comba, Juan David Sixto, valorou a receptividade dos representantes nacionalistas da Deputación nunha xuntanza co presidente da Asociación Costavales, Manuel Amigo, e pide o apoio da administración local e autonómica.
Con respecto ó ente provincial, mantívose unha xuntanza co Vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, a deputada de Cultura, Natividade González e o deputado de Patrimonio, Xosé Luis Penas. Sixto asegura que “hai boa dispoñibilidade para traballar de maneira colaborativa”.
Oficialización da Vía Céltica
O BNG pídelle á Xunta de Galicia «axilizar a oficialización da Vía Céltica que sería a mellor maneira para traballar na súa protección e promoción e mesmo para dar pasos decididos de colaboración dos distintos concellos que atravesa o trazado para traballar conxuntamente no futuro».
Tamén trasladan unha petición ao goberno local de Santa Comba:
«O goberno municipal de Santa Comba ten que implicarse de maneira decidida na mellora do estado do camiño… cando menos, actuacións urxentes como rozar e desbrozar, o que non require un grande orzamento pero, lamentabelmente, neste momento é difícil camiñar polo trazado e as persoas que o intentan quéixanse da dificultade de camiñar entre silveiras e maleza».
«A Vía Céltica é un recurso de especial interese para Santa Comba porque é o Camiño de Santiago que ten máis presenza no noso territorio e é necesario desenvolver iniciativas para a súa mellora e promoción», declarou Juan David Sixto.