Coincidindo coas críticas pola falta de limpeza do Camiño dos Faros ao seu paso polos municipios de Muxía, Cee e Fisterra, o concello de Muxía indicou que “realizou recentemente un segundo desbroce no Camiño dos Faros”
“Non entendemos a mensaxe alarmante que se está a difundir en referencia a este asunto, pero aínda así estamos comprometidos con mantemento de todas as rutas turísticas da nosa vila, como demostran os feitos e os traballos realizados. Sen esquecer que consideramos darlle prioridade aos núcleos onde viven a nosa veciñanza”, indicou o rexedor, Iago Toba.
O mandatario muxián sinala, nun comunicado, “o firme compromiso deste grupo de goberno é de continuar con este completo plan de actuacións e co mantemento de todas as zonas de Muxía, sexan rutas turísticas como núcleos de poboación do municipio”.
Críticas desde o BNG: “Debería caerlle a cara de vergoña”
Desde o BNG de Muxía, denunciaron a falta de mantemento en dous tramos do camiño dos faros no municipio con dous tramos do Camiño dos Faros que “están nun estado lamentábel de falta de mantemento, provocando que a entidade promotora da ruta recomendase non facelos”.
A voceira do BNG muxián, Mercé Barrientos, manifestou que “ao equipo de goberno local debería caerlle a cara de vergoña, pois dipoñen de 198.000 euros dun plan de limpeza do rural, 30.000 máis para desbroces e 20.000 para limpar praias, e non se lles ocorreu, a 5 de agosto, manter en condicións os tramos do camiño dos faros, que é un motor económico da comarca”.