O deputado nacionalista, Oscar Insua, presentou unha iniciativa no Parlamento Galego para a mellora da seguridade viaria na estrada AC-445 ao seu paso polo lugar de Estorde, no municipio de Cee.
Recolle así unha demanda do BNG da Costa da Morte e solicita que a Xunta de Galicia instale sinais de redución da velocidade e pasos de peóns, advertindo que “só existen sinais de prohibida a velocidade a máis de 70 km/h, e o sinal de poboado de Estorde, mais ningunha que indique propiamente a prohibición da velocidade a menos de 50 Km/h, como noutros tramos urbanos existentes na mesma estrada AC-445”.
Lembran que a estrada discorre preto da praia de Estorde, “moi concorrida” polo que “é preciso e urxente dotar de cando menos tres pasos de peóns no tramo da AC-445 entre os puntos quilométricos 5.5 e 6.5, ademais da redución da velocidade cos sinais oportunos, para dotar de máis seguridade aos viandantes que queren ou deben cruzar a estrada, ao igual que se fixo noutros tramos con idéntica necesidade”.
Oscar Insua manifestou que “todo o mundo cre que non se pode esperar a que morra unha persoa, como pasou na Anchoa, para instalar uns pasos de peóns, polo que deben poñelos canto antes».

