O Servizo de Atención Temperá da agrupación de concellos de Santa Comba e A Baña, que se presta na Casa da Cultura xalleira, aproveita a celebración do Día Nacional da Atención Temperá, para visibilizar o seu traballo.
E farao cunha xornada de portas abertas este venres 14 de xuño. Ó longo do día o Servizo de Atención Temperá permanecerá aberto ao público de 9:00h a 10:30h e de 12:00 a 15:00h co obxectivo de dar visibilidade e permitir que as familias que se acheguen a coñecer este recurso poidan consultar dúbidas coas profesionais.
E tamén se levará a cabo un Taller de estimulación a través do xogo no chan, dirixido a bebés de 3 a 9 meses acompañados polo seu coidador principal.
A concelleira de Servizos Sociais do concello de Santa Comba, Estefanía Calvelo, explicou que “a xornada quere ser unha xanela que brinde a oportunidade de coñecer algunha das ferramentas entre o conxunto de intervencións que o servizo oferta a diario”.
En Radio Xallas
Este martes, as profesionais que traballan neste servizo falaron en Radio Xallas. Marisol Suárez Tasende(logopeda), Cristina Rodicio Rodicio (fisioterapeuta) e María Carmen Torreira Espasandín ( terapeuta ocupacional e coordinadora do servizo) falaron sobre o S.A.T.
“Estamos observando que cada ano que pasa, hai un incremento no número de usuarios que atende o servizo” explicou Torreira.
Durante o 2023 79 familias recibiron atención das cales 12 pertencían ao concello de A Baña e 67 ao de Santa Comba.
Como dato curioso, no 2019 había un 69% de nenos cun 31% de nenas, e sen embargo o ano pasado pasamos a un 72% de nenas e 28% de nenos.