O concello de Ponteceso conta cunha débeda de 2.984.375,95 euros, dos que 1.796.467,38 euros corresponden a endebedamento bancario e 1.187.908,57 euros están pendentes de pago a provedores.
Desta débeda o 97% é herdada de gobernos anterior e foi contraída “antes da chegada do actual equipo de goberno. Porque ao diñeiro a deber a entidades bancarias con créditos firmados na súa totalidade en etapas previas á actual, súmase tamén unha alta porcentaxe das facturas: dos 1,187 millóns a pagar, 1.105.025,80 euros corresponden a cargos adquiridos entre os anos 2020 e 2023”.
Auditoría externa no concello de Ponteceso
Son datos difundidos polo goberno que preside José Manuel Mato(PP) que puxo en marcha unha auditoría externa para analizar os servizos e prezos das facturas pendentes de 2020 a 2023.
Explican que con esta auditoría pretenden certificar “dúas premisas chave antes de abonar calquera cantidade. Por unha banda, a existencia da obra ou servizo que indica a factura. Por outra banda, se o seu importe se axustaba ou axusta aos prezos de mercado no sector en cuestión”.
Despois deste paso, e coa luz verde da Intervención municipal, o executivo local dará a orde para formalizar os pagos a provedores, utilizando o remanente de tesourería dispoñible para gastos xerais, que na actualidade é de 1.581.410,83 euros.
