A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 694.957,45 euros obras de acondicionamento da estrada DP-1603 ao seu paso pola Travesía de Ponte do Porto, nos concellos de Camariñas e Vimianzo. As obras comprenden unha lonxitude de 400 metros, entre os PQ 0.330 e PQ 0.740.
As obras comenzarán en maio
O contrato asinouse hoxe e prevese que os traballos comecen o vindeiro mes de maio. As obras contemplan a mellora da estrada DP-1603 ao seu paso pola travesía da Ponte do Porto, que actualmente conta cun amplo paseo, á beira da ría do Porto.
As baldosas do paseo presentan un deterioro importante causado polo paso do tempo e igualmente o firme da estrada, que está irregular e desgastado.
A actuación prevista inclúe a demolición das beirarrúas e bordos existentes e unha nova distribución das zonas axardinadas para construír despois as novas beirarrúas mediante o emprego de formigón continuo. Na zona do paseo prevese a reposición cun firme de formigón impreso.
Reordenación Praza de San Roque
As obras contemplan tamén a reordenación da praza de San roque coa colocación dun enlousado de pedra granítica abrindo a fonte e a praza ao seu contorno.Tanto a praza como a estrada contarán con nova rede de recollida de pluviais e drenaxe.
Renovaranse os farois por uns novos de características similares aos que se están renovando no municipio e disporanse luminarias empotradas no murete do paseo. Procederase tamén á restauración da varanda e á colocación de novo mobiliario urbano, con bancos de pedra granítica que permitan o descanso dos paseantes.
Todo elo redundará nunha mellora estética, de seguridade e accesibilidade no entorno da Ponte do Porto, segundo explicou a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, que detallou que as obras comezarán o vindeiro mes de maio e contan cun prazo de execución de 11 meses.
Nota de prensa da Deputación provincial da Coruña

