O grupo de acción feminista do BNG da Costa da Morte vén esixir “desculpas públicas e urxentes” ao alcalde socialista de Muxía, Iago Toba, polas súas afirmacións durante o último pleno municipal.
Indican que o mandatario “insultou insistentemente” á edil nacionalista Mercé Barrientos chamándolle ‘cínica’ ata en sete ocasións, ‘rastrera’ noutras tantas, e tratando de aplicar gaslighting con expresións como ‘pero vostede está ben?’, ‘con esa cara de cinismo’ e ‘con ese sorriso que a caracteriza que non sabemos se tes algún problema ou non’”.
Desde o mesmo colectivo sinalan que “cando Mercé Barrientos intentou seguir, o alcalde interrompeuna de novo para dicirlle ‘prosigue con esa cara de cínica’” chegando a dicirlle á concelleira “ten coidado, eh!”.
Explican que “as faltas de respecto subiron de ton” cando se falou da Escola Infantil onde recriminan que nun momento da súa intervención Toba chegou a manifestarlle a Barrientos: “Igual quixestes ter fillos e non os tes”.
Denuncian unha actitude machista
A Acción Feminista do BNG denuncia esta actitude “absolutamente machista e de violencia contra a liberdade individual das persoas que cuestiona a intervención dunha muller polo feito de ter ou non fillos”, e subliñou que “non podemos permitir que un alcalde dirixa continuamente insultos ou chanzas nin tampouco que desvalorice a unha persoa polo feito de non ter fillos”.
Piden “que o alcalde, de aquí en adiante, se dirixa á nosa concelleira, e a todas as mulleres, co debido respecto como o que é, representante electa das veciñas e veciños de Muxía”.

