A Festa do Bolo do Pote de Mazaricos celebra na primeira fin de semana do mes de marzo a súa XXV edición. Un número especialmente significativo co que esta celebración volve colocar o municipio no mapa da gastronomía tradicional galega, pondo en valor un dos seus produtos máis destacados.
A festa está organizada polo Concello de Mazaricos, coa colaboración da Asociación de Amas de Casa El Hórreo, a Asociación de Veciños Monte Picoto e mais o restaurante e hotel Casa Jurjo.
A programación dá comezo o sábado 2 con xantares e ceas, con reserva previa, de cocido e bolos do pote nos distintos establecementos hostaleiros participantes na festa. A lista inclúe o Asador Manduca, o Restaurante Efe-Eme, Casa Jurjo, Campamento Corzón e Casa Pego. O prezo dos menús de bolo do pote, cocido, postre, viño e café situarase a partir de 25 euros. Ademais, son colaboradores nesta edición a Taberna Casa Senra, o Café Bar Alborada e a Pizzería Pinocchio.
Xa o domingo 3, a festa arrinca ás 13h co pasarrúas e o concerto do grupo de gaitas O Sib do Solpor. A continuación terá lugar a degustación de bolos do pote no campo da feira. O prezo da degustación será de 2 euros, con agasallo dun prato de cerámica do Buño. Simultaneamente, os establecementos participantes ofrecerán menús e degustacións de bolo do pote. A partir das 16h terá lugar o pasarrúas pola Picota a cargo da Charanga Alambique.
Se o tempo o permite, instalaranse inchables para que xogue a rapazada. Será entre as 12:30h e as 15:15h, e entre as 16:15h e as 18:30h.
NOTA DE PRENSA Concello de Mazaricos)