O Concello presenta o programa municipal de actividades que organizará do domingo 11 ao mércores 14 de febreiro con motivo das Festas do Entroido. As propostas van dirixidas a todos os públicos, pero especialmente ao infantil aproveitando as vacacións nos centros de ensino.
O evento central será o tradicional concurso de disfraces do Martes de Entroido (13 de febreiro, festivo local na Laracha).
A inscrición abrirase a o 1 de febreiro (xoves da próxima semana), e deberá formalizarse cubrindo o formulario que estará dispoñible na web alaracha.gal e nas redes sociais municipais, ou ben acudindo á Casa do Concello.
O prazo remata o 12 de febreiro ás 12:00 horas. O certame vai dirixido a todos os públicos e repartiranse máis de 3.000 euros en premios. Celebrarase na Praza do Concello (pavillón do IES en caso de condicións climatolóxicas adversas) a partir das 18:30 horas, no descanso da verbena que principiará ás 17:00 h e que estará amenizada pola Orquestra Los Satélites.
As categorías de premios establecidas son as seguintes:
• Individual infantil (ata 12 anos).
• Individual adulto (a partir de 13 anos).
• Parellas.
• Grupos (de 3 a 8 compoñentes).
• Comparsas (máis de oito compoñentes)
Nas categorías individuais as contías dos premios serán de 60, 50 e 40 euros para os tres primeiros clasificados. En parellas os premios ascenden a 70, 60 e 50 euros.
Os grupos optarán a 250, 200 e 150 euros. Os premios para as comparsas ascenden a 600, 500 e 400 euros. Ademais, ata un máximo de dez comparsas non premiadas poderán obter a un accésit de 100 euros polo feito de participar.
Festa de Entroido
O domingo 11 de febreiro pola tarde (17:30 a 20:30 horas) celebrarase a Festa de Entroido no pavillón do IES Agra de Leborís. Durante a xornada os nenos poderán desfrutar xogando nos inchables e tamén coa presenza dun DJ infantil que proporá coreografías e bailes. Ademais, repartiranse larpeiradas entre todos os rapaces que acudan disfrazados.
Espectáculo musical infantil-familiar
O programa completarase o mércores 14 co espectáculo musical infantil familiar de Picadiscos MariFaltri a partir das 17:30 horas no baixo da biblioteca da Laracha, con acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade máxima da sala.
Servizo de conciliación
Cabe lembrar que o luns 12 e o mércores 14 de febreiro, os dous días laborables durante o Entroido na Laracha, o Concello tamén oferta o servizo de conciliación para as familias con nenos de 3 a 12 anos.
En ambos casos será entre as 7:00 e as 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. O prazo para solicitar dito servizo estará aberto ata o 5 de febreiro.