José Manuel Caamaño López estreouse como portavoz do PP e concelleiro da corporación de Mazaricos.
Nunha entrevista en Radio Xallas declarou que está respondendo ao traballo encargado polos veciños, neste caso na oposición:
“Cumprín a miña palabra, Eu dixen que gañara ou perdera tiña un compromiso cos veciños e quedaría en Mazaricos”.
Destaca que pese a non gañar as eleccións “conseguimos algo importante, reverter unha situación difícil e mellorar os resultados, creamos unha dinámica positiva”.
Agora os retos de Caamaño son “intentar ampliar o partido” e desenvolver a súa función na oposición, de momento observando a acción do goberno do BNG: ”Ata o de agora os seus proxectos eran mínimos e hai que darlle máis tempo”.
Agardando os orzamentos municipais
Agarda coñecer as contas municipais: ”Estamos esperando a que se elaboren os orzamentos para ver as liñas de actuación. É importante ter uns presupostos para ter un rumbo”. De tódolos xeitos asegura que “non me gusta o enfrontamento continuo, somos construtivos”.
Neste momento considera que as grandes prioridades de Mazaricos pasan pola necesidade de mellorar as infraestruturas ou na atención ás persoas maiores “onde hai un gran esforzo por facer”. Sen esquecerse de pensar medidas contra o despoboamento.
A lexislatura está comezando e de momento “os plenos que tivemos foron de trámite para pago de facturas e pouca cousa máis”.

Nova sede do PP en Pino de Val
Como deputado provincial referiuse a problemática do envío de cartas informativas desde a Deputación:
“Estas cartas son unha falta de respecto ós propios alcaldes e ás corporacións locais, atribuíndose obras dos concellos. É indignante que o PSOE e o BNG fixeran este tipo de cartas”.
Opinou Caamaño sobre as eleccións autonómicas: ”Galicia está nunha situación boa, de estabilidade.É unha referencia en moitas cousas e a envexa no resto do estado”.
Desde este venres o Partido Popular conta cunha nova sede situada en Pino de Val: “Necesitabamos un sitio de referencia para poder xuntarnos e traballar, e tratar as cuestións que afectan a vida do concello” apuntou na radio xalleira o líder local dos populares.
